MENSAXE NUNHA BOTELLA
Para ti, que agora les estas liñas...
Cada día o primero que ven os meus ollos é o mar, máis que un mar, un enorme océano. Un océano que nos separa, pero que tamén nos une, que nos fai sentirnos pequenos seres que viven e afrontan o día a día dun e doutro lado da súa inmensidade, como iguais a pesar da distancia que nos separa.
Todas as tardes baixo a pasear a carón do mar. Os camiños están agora inzados de plantas, de flores e de herbas… Marca o noso devagar, especialmente a herba de namorar; está fermosa e chea de floriñas violetas. Seguindo a senda coñecida, bordeamos penas, furnas e illotes, que ofrecen cada día unha nova cara, cando as ondas as inundan e o sol as adora. Esas penas rodean unha pequeña península, que eleva imponente o máis vello Faro do mundo, que ainda hoxe en día sirve de guía a pescadores e mareantes, e incita aos que aquí veñen a elevarse ata o cumio, e, se cada e se non hai brétema e o día está solleiro, poder ver as costas de Irlanda.
Hoxe, o mar está en calma,"calma chicha", como din os mariñeiros, e contaxia a súa tranquilidade, ata o punto de convidarnos a botarse a andar, si, camiñar despacio por enriba da auga e deixarse impulsar polas pequeñas ondas ata achegarse á outra beira, tentando descubrir o que hai por tras da liña recta e uniforme que conforma o horizonte, ás veces tan distante e outras tan perto de aquí.
Pero teño que me conformar con mirar, so con mirar o Mar!…
Cada mes de abril, cando xa os días son máis longos e a primavera entra xa case na súa plenitude, penso, ou tal soño, … con embarcar nun deses pequeños barcos de pesca que repousan na Praia das Mapoulas. Pero, non sei para onde hei de ir, nen que rumbo tomar, se non sei navegar…
E teño que me conformar con mirar, so con mirar o Mar!...
Por iso é polo que escribo estas liñas. Eu non poderei, pero elas si, elas si que tentarán transpasar o océano, como se poideran levar, dentro desta botella na que van, toda a intensidade e a forza que derrama o mar.
Non sei que camiño tomará, ou se alguén a vai atopar, nen sei onde chegará (a Irlanda tal vez), ou se cadra rachará…Pero quero seguir a soñar…
E, se ti, agora les estas liñas, quérote convidar a que te deixes levar polo vento, polo vaivén das ondas e polo son do mar… E se podes, ou se sabes, ou se queres… navegar…
Xunto ao vello Faro de Hércules, cada tarde, estarei a agardar…
E se non… conformarémonos con seguir mirando o Mar!…
Bego
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.