miércoles, 3 de mayo de 2023

A MULLER DA AUGA

           

          Eu nacín en Marce, perto da presa dos Peares, alí onde se atopan os tres ríos: o Cabe, o Miño e o Bubal, e cada un reparte as augas cos outros, aínda que o Pai Miño siempre leva a meirande ganancia. Medrei ao pé da auga, sempre entre os tres ríos que eran o triángulo perfecto da miña vida. Como me gustaba tanto estar no río, meu pai dicía de min que parecía unha flor da auga.

          Nunca pensei en marchar de alí, pero ao faltar meu pai, miña nai tivo que botar moitas contas para sacar adiante os meus irmáns  pequenos, e, xa apenas sen pan nen iscos que levarnos á boca, decidimos que o mellor era que eu, que xa era unha mociña rexa e forte coma un buxo, fora servir na Casa Grande da Míllara.

          Foi alí, onde, sendo xa a criada do pazo dos Señoritos da Míllara, coñecín un dos lugares máis fermosos que recordo. Despois de rematado o traballo na casa, pasaba as tardes a percorrer os camiños da contorna. Aquela tarde ía polo carreiro que remataba no Monte Castelo; un carreiro ben xeitoso, rodeado de vellos carballos e castiñeiros que convidaban ao sosego e que no verán ofrecían a súa agarimosa sombra a quen por alí se aventuraba nos días calorosos. 

          Ao remate do camiño, xa no alto do Castelo, o Miño semellaba deitarse nunha ampla curva e mostraba toda a súa líquida abundancia para calmar a calor de quen ata alí chegara. Moitos contaban que aquel era un lugar especial de descanso e eran moitos os animais e as persoas que se achegaban ao pé do río para saciar a sede. Tamén había quen dicía que moitos dos que ata alí chegaban non retornaban, que había algo ou alguén no fondo do río que… Eu pensaba que non deixaban de ser lendas ou faladurías sen moito fundamento.

          Coa seca persistente desde últimos anos, no verán, do río emerxía toda clase de árbores e vexetación que firme e senlleira asomaba despregando a súa exuberancia.

Unha destas árbores era unha estraña figueira  que ancoraba as súas raíces dentro do río e cuxos froitos, unhas béveras negras e brillantes sobranceaban e parecían pendurar da auga escura.

          Aquel día, o río levaba menos auga que de costume, e podíanse coller os froitos sen perigo. Achegueime á beira, collín, mordín mal e, foi entón cando a vin. Aquela figura semellaba unha muller; a súa cara estaba cuberta dunha pel forte e curtida, de cor morena escura e cuberta como de escamas, que escintilaban coas raiolas do sol. Ao achegarme a ela, os meus ollos non eran capaces de manter a súa mirada.Tiña case  medio corpo fóra da auga e extendía as súas mans cara a min. Sen pensar fun entrando na auga. Cando xa me cobría a cintura, mirei  cara  o fondo… Non tiña pernas, o seu corpo remataba nun so apéndice semellante a unha cola de peixe. Achegaba a min cada vez máis as súa mans, unhas diminutas mans cubertas tamén de escamas e dunha cor verdecente. Extendín os brazos e sen poder controlar apenas os meus movementos, toquei as  súas mans coas miñas… Sentin como premía nas miñas bonecas, despois nos meus brazos, e pouco a pouco fun deixándome levar… Non podía soltar aquellas mans que me levaban cara o  fondo… Sumerxida xa totalmente nas augas, deiteime no leito do río e sentín que comenzaba a respirar dun xeito plácido e acompasado. Entón debín adormecer.  


         Cando acordei, estabamos aos pés da figueira, xa  formando parte das súas raiceiras, ela sostendo aínda as miñas mans entre as súas que xa eran parte das ponlas da árbore, que agora deixaba ver un novo froito, apetecible e tentador. 


Bego
(26-Abril-2023)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.

Claro de luna

- ¡Me tenéis frito!- grita el director de la orquesta.  El ensayo no fluye, pese a que empezaron a afinar los instrumentos recién estrenada ...